jueves, 5 de abril de 2012

CoraSons - Illa de Arousa - 7 de Abril





María Santalla

vilagarcía / la voz 31 de marzo de 2012 12:56

Falamos de galegos e de portugueses porque son maioría e as maiorías mandan. Pero no concerto previsto para o vindeiro sábado no auditorio da Illa haberá talento chegado desde outros puntos do planeta: polo momento, belgas e angoleños; daquí ao sábado, quen sabe. Preto de corenta artistas serán a man de obra dun concerto que promete ser ben especial. Como mostra non hai máis que reparar no seu título: Corazóns.

A idea naceu dunha exposición de fotografías de Isabel Leal, artista portuguesa, na Casa das Crechas de Santiago de Compostela. As súas imaxes representan corazóns achados en calquera lugar da natureza ou feitos pola man do home -o cartel do concerto, sen ir máis lonxe, é un cabo formando un corazón nunha barca do Amazonas-. Así que, ¿por que non poñerlle música a esas imaxes? A proposta foi de Uxía Senlle, que onte mesmo a explicaba na Illa: «A idea era acompañalas con cancións que falen do corazón. Primeiro fixemos versións, despois saíron cousas novas».

Ese proxecto foi sumando pouco a pouco artistas, e foi medrando ata que chegou o momento de evolucionar e convertelo noutra cousa. A Illa será o escenario desa metamorfose que transformará todos eses corazóns musicais nun disco, nun vídeo e, cara ao futuro, nun libro coas fotografías, cos textos das cancións e co propio disco que se gravará o venres e o sábado no auditorio arousán.

«Non podía haber ningún sitio mellor», dicía onte Uxía Senlle na presentación desa fin de semana que rematará cun concerto público. O mesmo pensa Carlos Blanco, que minutos antes ca Uxía explicaba que á hora de pensar en facer un disco e un documental, «ningún sitio mellor cá Arousa». ¿Por que? Pois porque «aquí hai 5.000 corazóns que baten forte», porque «aquí se comparte máis sangue ca en ningún outro sitio» e tamén, aínda que eles non o din, porque moitos destes artistas namoráronse da Illa e xa non puideron desprender dela os seus corazóns.

Quen se anime a participar o Sábado Santo neste concerto tan particular poderá gozar da arte de xente como Cuple Coffee, Joao Afonso, Antonio Zambuxo, Roi David, Serxio Tanus, o baixista de Carril Pablo Vidal, ou Xoán Curiel, que onte participou tamén na presentación para marabillar aos presentes cun fermoso dúo con Uxía.

Son só algúns dos integrantes dunha nómina de artistas á que non deixa de sumarse nova sabia. Por faltar, non faltará nin unha cardióloga cantora, que tamén achegou o seu corazón a este proxecto. Son moitos, pero xa estará Carlos Blanco para poñer orde nesa mestura e actuar como mestre de cerimonias.

O actor aproveitou onte para agradecerlle ao Concello da Illa a súa colaboración neste proxecto. O alcalde, Manuel Vázquez, estivo presente tamén, por certo, no acto de presentación celebrado no salón de plenos.



0 comentarios: